Factores físicos, químicos e edáficos
FACTORES FÍSICOS E QUÍMICOS
A luz
A cantidade de luz é un factor moi importante para a distribución dos organismos fotosintetizadores.
As plantas tamén teñen adaptacións para poder captar a maior cantidade de luz posible.
Algunhas árbores desenvolven follas moi grandes. Determinadas plantas medran sobre o tronco doutras de maior tamaño para conseguir unha mellor iluminación.
A luz inflúe na floración, na caída das follas e na transpiración das plantas, nas migracións dos animais, na síntese de vitamina D, no ciclo da auga e na formación de nubes.
O osíxeno
Atópase no aire e disolvido na auga, de onde o toman os organismos acuáticos. Neste medio é un dos factores que máis inciden na distribución e nas características dos organismos.
No fondo das augas encharcadas e nas pouco batidas, a cantidade de osíxeno é moi baixa e os seres vivos escasean.
En cursos rápidos e en augas pouco profundas ou frías, o osíxeno é máis abundante, o que permite a existencia de peixes que nadan activamente e consomen moito osíxeno.
FACTORES EDÁFICOS
As características dos solos determinan o desenvolvemento da vexetación e a localización dos ecosistemas. Un solo pode ser inmaturo (medran mal as plantas), ou moi desenvolvido ou maduro (a vexetación desenvólvense facilmente).
Outras características do solo que inflúen nos ecosistemas son a composición química, a cantidade de materia orgánica, o grao de aireación e humidade, o tipo e a cantidade de microorganismos descompoñedires e outros organismos sinxelos que alberga.
RANGO DE TOLERANCIA E NIVEL ÓPTIMO
Os seres vivos son capaces de adaptarse a ambientes diferentes, pero cada especie ten unhas características adecuadas para vivir nun ambiente no que se dean certas condicións.
Todos os organismos son capaces de vivir dentro de certos límites ambientais (rango de tolerancia) e teñen un máximo desenvolvemento nuns valores concretos (rango ou nivel óptimo). O rango de tolerancia e o nivel óptimo difiren para cada especie e para cada un dos factores abióticos.
A lei dos factores limitantes
A Lei do Mínimo foi enunciada por Liebig e reenunciada por Bartholomew para aplicala ao problema da dsitribución de especies. Esta lei establece que o factor que estea a limitar o crecemento (ou calquera outra cousa) dun organismo se coñece como factor limitante.
Para as plantas terrestres, o factor abiótico limitante é a auga e tamén a temperatura, aínda que, agás no frío extremo, o seu efecto contrarréstase co da cantidade de precipitacións.
Nos ecosistemas acuáticos, os factores limitantes máis importantes son a salinidade, a luz e a cantidade de osíxeno disolvido.
Comentarios
Publicar un comentario